Son moitas as organizacións e colectivos que reclamamos de xeito constante unha mellora real da estruturación e formulación do sistema educativo, demandando máis meios, máis e mellor formados profisionais… Mais alonxándonos dese tipo de reivindicacións xustas e de inminente necesidade, é preciso aprofundar noutras dimensións, cecais esquencidas, do ensino.
O ensino é un valor social, un instrumento do que se dotan as sociedades, para formar mellores profisionais que prosigan co desenvolvemento, co progreso (por moi ambiguo que pareza o termo). Mais o ensino debe tamén formar cidadás e cidadáns.
Ademáis de encher de contidos e conceptos as mentes das e dos estudantes, é preciso facelos posuidores de valores, que asimilen a través da comprensión, desde a pluralidade, e non a base de imposicións uniformadoras, por moi xustas que nos semellen as ideas a espallar. Non é cuestión de asimilación pura e dura, senon de interiorización de valores tais coma a igualdade ou a tolerancia, como a xustiza ou a pluralidade.
O ensino como ferramenta para o desenvolvemento pode diminuir as diferenzas socio-económicas, ao cabo re-equilibrar unha balanza demasiado escorada pola presión do máis atroz capitalismo e da contra-oposición do neoliberalismo e da socialdemocracia abrazada ao sistema. Mais se pretendemos mudar a piramide social, transformar a inxustiza en igualdade, debemos facer unha aposta de longa duración. Xa asumimos que os cambios non serán bruscos nen tampouco inmediatos, por iso crear o cambio desde as novas xeracións é un recurso que non debemos abandoar.
O relevo no proceso revolucionario, ou de demanda de cambios (para non crear controversia semántica), debe recoller a cidadás e cidadáns mellor formados, con capacidade de analise, de reflexión pero tamén de resposta. Debemos ensinar a pensar, a razonar, a coñecer a realidade para tranformala. A máis que demandada transversalidade ou o ensino en valores son imprescindíbeis para acadar a fin que nos propomos.
Máis que nunca o futuro está na mocidade. As nosas arelas só prosperarán se conseguimos ensinar a pensar
Fagámolo.
===
Publicado en GalizaCIG-Actualidade o 03/09/04.
(Imaxe tirada de xornal.vigo.org)